Tuesday 30 de April de 2024

Mato Otero destaca que os pescadores son os primeiros coidadores da riqueza dos ríos ao respectar as normas da pesca fluvial


A conselleira de Medio Ambiente sinala o incremento da oferta de pesca sen morte, como un medida para impulsar o necesario relevo xeracional e de conservación dos recursos ictícolas

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou o papel que xogan os pescadores no coidado da riqueza dos ríos galegos grazas ao feito de practicar este deporte respectando as normas de pesca fluvial. Así o puxo de manifestou durante a súa visita ao Couto de Baio, con motivo do inicio da tempada de pesca fluvial deste ano, onde aclarou que con carácter xeral a talla mínima é de 19 centímetros e a cota máxima de 10 troitas por pescador e día.

Tal e como explicou a conselleira, é imprescindible coidar dos ríos porque son as veas de Galicia, polo que coidar da súa da terra galega é sinónimo de coidar da sociedade. Engadiu que para que esta cadea non se rompa é preciso garantir o relevo xeracional, un obxectivo no que traballa xa a Xunta de Galicia. Nese sentido, sinalou a necesidade de captar novos pescadores entre as idades máis novas, xa que así tamén se garantirá e potenciará a difusión da protección da fauna ictícola e do medio natural, fomentando a pesca sen morte.

A conselleira recordou que na tempada que se inicia hoxe unha das principais novidades é o incremento dos tramos de pesca sen morte, que aumentan nunha lonxitude total de 30 quilómetros. Desde o 2012 os tramos de pesca sen morte pasaron de 199 a 328 quilómetros.

Mato Otero trasladou a colaboración do Goberno galego con este colectivo e coa pesca fluvial, un apoio que quedará refrendado coa posta en marcha do Observatorio dos Ríos Galegos, do que se está a redactar o borrador de decreto polo que se crea, e que terá unha composición disciplinar, con entidades da administración, sociedade civil e institucións do ámbito académico. Neste ámbito, e coa colaboración deste grupo multidisciplinar, realizaranse plans directores para os distintos sistemas de explotación.